Ata hai uns anos o mundo pesqueiro marxinaba en certo xeito á muller no que a labores de mar se refire. Elas, que non se embarcaban e encargábanse da casa e dos fillos, conseguían a miúdo sacar unhas horas para recoller aquilo que o mar podía ofrecerlles e axudar á non sempre boiante economía doméstica. Afortunadamente, cos anos as mariscadoras pasaron de estar ocupando un posto marxinado social e economicamente, a ser un colectivo en alza e un bastión na economía dos fogares pesqueiros galegos.
Máis presentes que nunca
Hai xa tempo que a súa presenza se fixo forte no sector, non só no laboral senón tamén no que a cargos se refire, exemplo diso é a proliferación de patronas maiores nas cofradías, como é o caso de Mª Josefa Crespo Fraga, patrona maior da "Cofradía de Pescadores de Miño" en Coruña. Mari, que é como lle chaman os seus amigos, séntese moi orgullosa do posto que desempeña, sobre todo porque ela viviu outros tempos no oficio. Xunto a ela traballan na actualidade unhas 34 mulleres de entre 30 a 63 anos. Todas comparten a responsabilidade de sacar adiante a cofradía. Elas dedícanse á extracción, á limpeza, ao acondicionamento, á sementeira do marisco e ata á vixilancia das costas para que ningún furtivo se leve o que lles pertence por dereito.
A xornada de extracción adáptase á marea de día que adoita durar aproximadamente unhas catro horas, pero o aproveitamento do traballo depende en gran parte do intenso da marea, é dicir, das fases da lúa e por suposto das condicións climatolóxicas.
Ante a tópica pregunta de se unha mariscadora nace ou se fai Mari é clara: " é certo que nacer nunha contorna mariñeira axuda pero non é determinante". Para ser mariscadora hoxe en día é necesario facer un curso específico que ofrece a Xunta de Galicia e estar en posesión do permex ou permiso marisqueiro de explotación, documento expedido tamén pola Xunta desde 1995 que testemuña a autorización mediante concesión administrativa para exercer a actividade mariscadora en Galicia.
E é que os tempos cambiaron bastante respecto diso do oficio, malia manter o artesanal deste con técnicas como a azada, o "raño" ou a "rañica", as cofradías modernízanse e xa non deixan o froito das súas recollidas só nas mans do mar.
A medida que se foi desenvolvendo o seu traballo como mariscadoras, a súa mentalidade foi cambiando e da extracción individual e sen previa planificación, deuse o paso ao cultivo, e é que as mulleres déronse conta de que do mesmo xeito que o campo, o mar é un espazo no que se pode cultivar. Así, por medio de sementes autóctonas, conséguese trasladar especies de diferentes zonas, moitas veces provenientes do mar e outras veces de hackeryes ou criaderos de empresas dedicadas á reprodución destas.
A asistencia técnica, máis que axuda
Para que este novo modo de traballo funcionase ben requiríase non só un cambio no xeito de traballar, senón tamén un alto nivel organizativo. Neste terreo é fundamental o labor dos biólogos que son un dos bastións das cofradías de pescadores galegas. Na cofradía de pescadores de Miño este papel desempéñao tamén unha muller, Mª Teresa Fernández Núñez, desde o seu posto de asistente técnica encárgase de elaborar os plans de explotación, eses que marcan as zonas nas que se pode mariscar, os días que se ha de facer e as especies que é posible recoller. Mª Teresa informa ás mariscadoras de como están os bancos marisqueiros e de cales son as características físicas e morfolóxicas das especies ao mesmo tempo que se encarga de realizar polo menos dúas veces ao ano as campañas de muestreo. A través dos datos que Mª Teresa recolle nelas, as mariscadoras da cofradía saben que zonas son óptimas para a recolleita ou para o cultivo, sen que estas se esquilmen.
Pero non todo son alegrías, ás mariscadoras tamén hai algúns temas que lles preocupan, por exemplo o dos furtivos, por iso é polo que dentro do seu labor marisqueiro atópase a vixilancia das súas zonas de traballo. Recoñecen, iso si, que moitas veces o problema non é só dos que sacan o seu marisco sen permiso senón daqueloutros que o compran sabendo que se recolleu de xeito ilegal e sen pasar polos debidos controis de calidade.
Tamén lles quitan o soño outra accións que veñen da man do home, como é o caso dos dragados que se realizan nas súas zonas de marisqueo ou outros que non están na man de ninguén, un exemplo: os fenómenos meteorolóxicos adversos, que poden afectar ás colleitas anuais como é o caso das riadas, especialmente se estas ocorren nas datas crave para a venda de marisco.
Plantarse nas rías de Galicia cada mañá non é fácil, as mariscadoras son valentes e fortes, poderiamos dicir que o prototipo da muller galega está nas súas carnes, na súa cara curtida polo vento das praias, está claro que cos anos tiveron que ir cambiado o oficio e as formas, pero hai algo que nunca poderán cambiar: o seu xeito de abrazarse ao mar.