As orixes do voto feminino en España
Transcorre en España o verán de 1907 cando con motivo do debate parlamentario sobre a reforma electoral empezan a soar campás de renovación e dous grupos minoritarios presentan no parlamento emendas en favor do voto feminino. É certo que ningunha das propostas suscita o voto en igualdade de condicións entre home e muller, e que só nove deputados votarán a favor, pero este feito permitiría que se acendesen os motores para que un ano máis tarde sete deputados republicanos volvesen á carga propoñendo unha nova reforma: “poderán votar nas eleccións municipais -pero non ser elixidas- as mulleres maiores de idade emancipadas e non suxeitas á autoridade marital”. Vinte votos farán que a proposta sexa rexeitada de novo. No entanto, e aínda que estas propostas non puideron seguir adiante, son moitos os medios de comunicación que dan valor a esta avanzada pola democracia publicando textos relacionados co “voto feminino”.
Durante estes anos, terá lugar ademais a aparición de múltiples asociacións de mulleres que loitan polos seus dereitos como a Asociación Nacional de Mulleres Españolas (ANME), a Liga para o Progreso da Muller, a Unión de Mulleres de España (UME), etc. e é que naquel momento o voto feminino constituía xa un importante elemento do debate público.
En novembro de 1919, o deputado conservador Burgos Mazo presentou un novo proxecto de lei electoral; este outorgaba o voto a: “todos os españois de ambos sexos maiores de 25 anos que se atopen no pleno goce dos seus dereitos civís” incapacitando, iso si, ás mulleres para ser elixibles, ademais establecía dous días diferentes para celebrar os comicios, un para os homes e outro para as mulleres. Con todo, este nunca chegaría a debaterse pois o golpe de Primo de Rivera o 13 de setembro de 1923 acabaría co primeiro intento de avance deste proxecto.
Clara Campoamor e o voto da muller
Despois de que Alfonso XIII abandonase o seu trono e tralo triunfo da República, convocáronse eleccións a Cortes Constituíntes e aínda que adoitamos ler que a República deu o dereito ao voto á muller, non foi todo cor de rosa.
A II República supuxo un retroceso fronte ao dereito de voto feminino parcial outorgado por Primo de Rivera, pois é certo que en 1931, a muller puido ser elixida pero non electora. É neste momento no que Clara Campoamor sae elixida deputada nas listas do Partido Radical, que segue o seu ideal político: é republicano, liberal, laico e democrático. Como deputada pelexa pola non discriminación por razón de sexo, a igualdade legal dos fillos e fillas, dentro e fóra do matrimonio, o divorcio e en especial polo triunfo do voto feminino.
Neste momento a esquerda, exceptuando un grupo de socialistas e varios republicanos, non quería que a muller votase porque a súa proximidade á Igrexa podía dar o triunfo á dereita, esta, que aínda que non estaba de acordo con que “elas” votasen, o aprobaba porque cría que podía saír favorecida politicamente.
Así as cousas, o partido Radical Socialista enfrontou a Clara Campoamor nun arduo debate coa deputada Victoria Kent, esta última en contra do voto feminino. Campoamor sairía vitoriosa do debate, e malia non contar con maioría en canto a votos, obtería o apoio da minoría dereitista, a maioría do PSOE e dalgúns republicanos, non sen polémicas, ata no parlamento, tras ser aprobado o famoso artigo 34 que daba ás mulleres o dereito a votar.
Tras estes feitos, nunha nova ocasión Victoria Kent e os radicais intentaron arrebatarlle o triunfo a Campoamor a través dunha emenda constitucional, pero Clara desestimou este feito. Malia iso, aínda habería un último intento de impedir o voto feminino polo que Clara Campoamor loitou sempre: foi cando a dereita abandonou o Parlamento pola Lei de Congregacións. Con esta emenda pretendíase que a muller non puidese actuar en eleccións lexislativas ata que se celebraron, por dúas veces, eleccións municipais, atrasando así o “sufraxio universal”. Clara Campoamor ante aquela emenda, tal e como ela mesma afirmaría, adoptou unha defensa da muller a través da defensa da Constitución, dun xeito tan loable que lle valeu de novo a vitoria por só catro votos.
Apoiándose no PSOE e nalgúns republicanos de dereita, derrotou aos socialistas de Prieto e aos republicanos do seu propio partido, o Radical, o Radical Socialista e o de Azaña; isto supuxo un gran escándalo político que dexeneraría finalmente no feito de que no ano 1933, a CEDA (Confederación española de dereitas autónomas) gañase as eleccións e Lerroux formase goberno. A dereita achacaría esta vitoria a Clara Campoamor, que logo disto non conseguiu renovar o seu escano e comezou a partir de aquí un periplo que a levaría á decrepitude política.
Clara decide abandonar o ano seguinte o Partido Radical, entre outros motivos pola súa subordinación a CEDA, e cando no 34 solicita ingresar en Esquerda Republicana non só lle abren expediente senón que ademais votan en público a súa admisión, que foi denegada para a súa humillación.
Malia que a Fronte Popular gañou as eleccións grazas ao voto feminino que Clara Campoamor conseguiu para todas as mulleres, ela non conseguiu entrar nas listas. É nese momento, no ano 1935, cando Clara Campoamor publica con valentía un dos libros de política máis interesantes escritos en España: O meu pecado mortal. O voto feminino e eu, no que conta todos os seus avatares para levar a cabo a consecución parlamentaria do sufraxio universal.
O inicio da guerra fíxoa fuxir de Madrid ante o medo a ser paseada polos republicanos cos que ela mesma loitara. Viviu en París e máis tarde en Bos Aires onde se fixo tradutora e conferenciante, ademais de biógrafa de Concepción Arenal, Sor Juana Inés de la Cruz e Quevedo.
Clara Campoamor quixo volver a España a finais dos anos 40, pero corría serios riscos de ser encarcerada.
En 1955 instalouse en Lausanne (Suiza), traballando nun bufete ata que perdeu a vista. Morreu de cancro, triste e en total soidade en abril de 1972.
Bibliografía
www.almendron.com/historia/contemporanea/sufragismo/sufragismo
joseantoniobru.blogspot.com/2007/03/de-emmeline-pankhurst-clara-campoamor
www.segundarepublica.com/index.php
es.wikipedia.org/wiki/Clara_Campoamor
es.wikipedia.org/wiki/Eva_Per%C3%B3n
VILARDELL V., Clara Campoamor la sufragista, Colección Sabelotod@s Madrid: Editorial Rompecabezas – Raíz de dos más 1, 2007.
CAMPOAMOR, C., La revolución española vista por una republicana, ed. y trad. de Luis Español Bouché, Sevilla: Espuela de Plata, 2005.
El voto femenino y yo. Mi pecado mortal. Colección La cosecha de nuestras madres, Madrid: Horas y HORAS la editorial, 2006.
No hay comentarios:
Publicar un comentario