domingo, 4 de julio de 2010

ENTREVISTA A BEATRIZ SOTELO SEQUEIROS, COCIÑEIRA

“Son unha cociñeira de sensacións e recordos”

Entrevista a Beatriz Sotelo Sequeiros
“Cociñeiro do ano 2008”


Fotografía: Ana María Rodríguez


Así se define Beatriz, aos seus 27 anos e contenta de ostentar durante un par destes o título de "Cociñeiro do ano", logo de ser a seleccionada de entre 80 grandes cociñeiros e cociñeiras. Esta galega, que é de Ardán, leva cociñando desde os dezasete anos, e é que tralo seu paso pola escola de hostalería de Carlos Oroza en Pontevedra e mentres o sol das praias tostaba aos rapaces e rapazas da súa idade, ela xa daba vida a moitos e suculentos pratos de verán.
Nos últimos anos e xunto coa idea de dar un cambio á súa vida á fronte do restaurante, A Estación en Cambre, á beira de Juan, o seu socio, decidiu presentarse a este concurso culinario que pon ao mando da nave dos fogóns aos mellores cociñeiros de España, e digo ben dicindo "os", xa que o xénero feminino non abunda neste tipo de concursos,unha mágoa sobre todo estando no país que inventou ese absurdo refrán de que “A muller e a sartén, na cociña están ben”…

Cal foi o primeiro prato que lembras ter feito?

Polbo, en A Centoleira, unha marisquería de Bueu. E aquí na Estación, unha peituga asada de pato con pataca fondant.

Tiveches sempre claro que querías ser cociñeira?

A verdade é que pensei en facer unha carreira ao acabar o bacharelato pero por non marchar a Santiago... o caso é que a hostalería sempre me atraeu, sobre todo estar na sala, e así decidín matricularme no Ciclo Superior de Carlos Oroza en Pontevedra.

Existe unha tradición culinaria na túa casa?

Pois sobre todo por parte da miña avoa, é unha gran cociñeira aínda que o meu avó di que os méritos son del, porque á fin e ao cabo el foi cociñeiro na mili (risas). Unido a iso, o vivir en zona de mar fixo que fose aprendendo tradicións gastronómicas moi arraigadas tamén na cultura galega, como o feito de saír a pescar a xarda e facer conservas co excedente ou aproveitar para facer compota en época de mazás, ou pratos con castañas no outono,algo que de non estar nunha casa onde se aproveita a comida quizais non herdase, recoñezo que agora cada día que entra o peixe por exemplo, coa miña mente busco o olor a afumado, ou os olores da lareira e iso tratamos sempre de reproducilo, aínda que sexa de xeito inconsciente, non hai dúbida de que eu son unha cociñeira de sensacións e recordos.

Deches moitas voltas ata chegar aquí, a Cambre?

Despois de acabar o Ciclo Superior de Hostalería, traballei en diversos locais da miña zona, Bueu, Marín, etc. E logo estiven en Casa Marcelo e en Toñi Vicente, en Santiago, ademais de saír facer algunhas colaboracións a París, a Frankfurt, etc.

Por que te presentaches ao concurso “Cociñeiro do ano”?

A verdade é que ao principio foi porque Juan, o meu socio, me animou. Hai tempo que tiña os papeis na mesa esquecidos, pero un día chegaron ao local e souben que era o momento de dar un cambio a esta nova andaina ao fronte da Estación.

E que che parece o feito de que o título sexa “Cociñeiro do ano” aínda que sexa unha cociñeira a que o gañou?

Pois a verdade é que cando gañei o primeiro que dixen foi que ían ter que poñerlle unha arroba ao título, e é que a verdade ninguén esperaba que gañase unha muller, tan nova e galega, sobre todo competindo con vascos e cataláns, estou orgullosa, pero non competín con ningunha muller, é raro que se presenten.

Por que cres que sucede iso?

Creo que en xeral as mulleres somos menos competitivas, ademais tamén é verdade, que tal e como me aconteceu a min, cando aínda non tes unha vida establecida con familia, fillos e demais, tes máis liberdade para facer estas cousas, cando as cousas cambian na casa é máis difícil.

Alguna mestra ou mestre?

A verdade é que non teño ídolos, si é certo que hai mulleres que despuntan como Carmen Ruscalleda, ou moitas outras que en xeral se mencionan pouco, eu podería dicir que aprendín moito de Marcelo, de Casa Marcelo, do que me acordo moito, e tamén o fago cada día aquí, de Juan, o meu socio, levar un negocio non é fácil e el é un mestre para min.

Cres que é compatible esta profesión coa maternidade?

Eu aínda non penso niso, pero creo que si, que todo é compatible, de feito no meu caso, Braulio, o meu marido tamén é cociñeiro, pero como é profesor encargarase el porque o seu horario é máis flexible que o meu.

Que cualidades ten que ter unha boa cociñeira?

Paciencia sobre todo, e poñer  agarimo no que fai.

Que é o que máis e o que menos che gusta cociñar?

Os peixes, quizais por herdanza familiar, e o que menos, facer ovos fritos ou empanar filetes.

E comer?

Pois de todo, son de bo dente, aínda que me gusta máis picotear que comer, a verdade.

Comer na túa casa será un placer ¿non?

Pois a verdade é que aínda que non o creas non cociñamos demasiado, porque eu adoito comer aquí, no restaurante e cando imos a casa da familia sempre cociñan eles, así que na casa pouco.

Que é o máis duro desta profesión?

A falta de tempo para a túa vida persoal. É imposible apuntarte a facer nada porque sempre tes que estar aquí e pendente de todo. Eu por exemplo, que tocaba a gaita, intentei seguir coa afección, pero foime imposible polo incompatible dos horarios coa vida no restaurante.

Irás a outros concursos?

Se xorde non che digo que non, pero con calma...

Un consello para futuras cociñeiras.

Ser valente e tirar para diante se isto é o que verdadeiramente che gusta, porque hai que dedicarlle moitas horas e só con amor ao que se fai é posible saír adiante.
Por Cristina Corral Soilán

Fotografía: Ana María Rodríguez

No hay comentarios:

Publicar un comentario