domingo, 4 de julio de 2010

AS MARÍAS GUERRERAS DIN: “NON MÁIS BÁGOAS”


No teatro e nas artes escénicas, tal e como sucede en moitas outras disciplinas as mozas son aquí máis que "guerreiras" e así o vén demostrando a Asociación de Mujeres de las Artes Escénicas de Madrid (AMAEM) Marías Guerreras. Ao redor dela desde hai máis de seis anos reúnense máis de trinta mulleres que traballan nos campos do teatro, a danza e a música na Comunidade de Madrid. A través dun proxecto que responde a unha realidade social e cultural tratan de "conseguir facer máis papeis protagonistas e reconverter certos posicionamentos impostos pola orde patriarcal" tal e como comentou nalgunha ocasión Nieves Mateo, ex presidenta do colectivo.

As Marías Guerreras son mulleres multidisplinares, como o foi a ilustre dama do teatro María Guerrero. Por iso é polo que é o seu nome o que as representa, e aínda que o teatro é algo que as caracteriza, tamén é certo que están abertas a outras disciplinas, como a danza e é que elas tratan de enfocar a situación da muller desde as diferentes áreas expresivas que a escena pon ao seu alcance.

Detrás das súas orixes como asociación podemos atopar as mesmas preguntas que moven á maioría dos colectivos de mulleres. Tal e como escribiu Itziar Pascual, dramaturga que integra tamén Marías Guerreras, "o escenario é non só o territorio da praxe posible, é tamén o lugar onde evidenciar desigualdades, desde o que lanzar preguntas". As delas son preguntas que implican o cuestionamento do lugar que ocupan as mulleres na arte e no mundo. Preguntas que significan transcender o ámbito das súas traxectorias individuais como actrices, dramaturgas, directoras, docentes, escenógrafas, compositoras, ensaístas ou técnicas, para abrirse ás outras, para atopar un territorio de acción e de debate común.

As socias financian coas súas cotas o traballo destas "guerreiras". Tamén obteñen beneficios dos seus espectáculos e proxectos e en ocasións contaron coa colaboración de institucións, como a Casa de América que lles cedeu espazo, do Instituto da Muller xunto á Fundación Autor, que editou o libro do I Ciclo de las Marías Guerreras, ou do Concello de Madrid para un taller de investigación acerca da superación dos estereotipos da muller a través do teatro.

Da andaina das Marías Guerreras dan conta as Actas dos Encontros do Festival Iberoamericano de Teatro de Cádiz, os numerosos artigos, crónicas e críticas que foron publicados en diversos medios, os tres ciclos multidisciplinares realizados en Casa de América, o ciclo presentado na Sala Cuarta Parede e as edicións de tres volumes, que engloban algúns dos traballos máis importantes: obradoiros, espectáculos, conferencias, performances, textos de pezas breves, etc., así como as creacións que representaron con éxito nos últimos anos: Tras las tocas, He dejado mi grito por ahí..., ¿lo habéis visto?, Todo irá bien, Varadas, En perseguirme mundo ¿qué interesas?, El día de la culpa y Lo que callan las madres.

Este mes estiveron levando a escena o espectáculo No más lágrimas. O proxecto é froito dunha das súas últimas asembleas guerreiras, onde decidiron compartir a produción teatral da asociación con textos dramáticos de autoras "non guerreiras" coa idea de reforzar pensamentos e desexos comúns coas mulleres doutras latitudes.

Coa dor que lles pesa polos malos tratos cara á muller, iniciaron unha procura de textos de autoras latinoamericanas que tratasen o tema. Cada muller achegou un matiz, un ámbito, unhas relacións, unha reclamación. A proposta: un espectáculo titulado xenericamente No más lágrimas, que está composto por cinco pezas dramáticas breves de tres autoras latinoamericanas e dúas españolas, guerreiras. Así, no espectáculo atopámonos as seguintes pezas "Carta a un maltratador" de Alicia Casado, que verte a dureza dunha vida de malos tratos sobre a parella e amósanos o límite da vinganza, "La casa chica" da mexicana Sabina Berman onde o suplicio do pracer fere de forma grotesca a través dunha relación de dependencia sen cerebro, unha peza aceda e amarga como a humillación. A mexicana Luisa Josefina Hernández ofrécenos a obra de Dolores pertencente ao volume �La calle de la gran ocasión� onde a demencia dunha solitaria enfróntase ao home asasino, un encontro inquietante para a reflexión. Griselda Gambaro en �Si tengo suerte� achéganos con naturalidade o reto da ironía fronte á dor dos malos tratos con dúas mulleres, nunha aposta por desvelar a debilidade e a reincidencia. Finalmente �A mi hija� de Eva Parra debuxa o retrato dunha muller furiosa, unha reserva doente do amor ante o impudicia dos malos tratos sociais.

A posta en escena, onde participan a maioría das actrices guerreiras, pretende pór de manifesto os moi diversos ambientes nos que podemos atopar o rastro do desprezo, a humillación e a dor, resaltando a actitude da muller fronte a este mal que aínda a acosa.

Co ánimo inquedo e unha actitude resolutiva fronte á acción que dana, nace a proposta de dirección de Eva Parra. Con ela quere dicirnos que o privado xa non o é máis na forma de "tapar, agachar ou sufrir en silencio" senón que desborda a súa presión cara ao público, facéndonos a todos e todas responsables de parar, por un medio ou outro, o horror da violencia cara á muller.

Cristina Corral Soilán


peza primeira


peza segunda


peza terceira

No hay comentarios:

Publicar un comentario