sábado, 3 de julio de 2010

O NU SHU OU A LINGUAXE DAS MULLERES

En momentos de dor ou dificultade, as palabras transmitidas ás demais persoas convértense nunha especie de luz máxica que ninguén sabe de onde vén, pero que alivia todos e cada un dos nosos males. É entón cando sabemos mellor que nunca que a falta de comunicación, de palabras, sume ao ser humano na escuridade máis perpetua, aquela que seca pouco a pouco o espírito e que deixa morrer a alma.

As mulleres chinesas sábeno ben, por iso en momentos en que foron excluídas da cultura e da posibilidade de alfabetizarse non quedaron de brazos cruzados e deron vida ao Nü Shu, unha escritura única e misteriosa en China con máis de dous mil carácteres. Crearon a través dela fortes vínculos afectivos e unhas "Irmandades Xuradas" que se encargaron de transmitir aqueles sentimentos que a diario parecían estar vetados para as sometidas campesiñas analfabetas. O "Nü Shu" foi para elas a salvación, só as mulleres o entendían e a súa tradución dío claramente: "escritura de mulleres".

No condado de Jiangyong, na rexión chinesa de Hunan, as mulleres comunicáronse ao longo dos anos e de xeito secreto a través dun sistema caligráfico que consta duns dous mil carácteres, e que os homes nunca puideron entender xa que lles estaba prohibido, o Nü Shu. Esta lingua milenaria que non só se escribía, senón que ademais se falaba e se cantaba, constituía un poderoso legado que as nais transmitían ás fillas a xeito de enxoval lingüístico.

Moitas mulleres aprendían a linguaxe de nenas, algo que lles serviría para cando casasen, xa que o Nü Shu se usaba inicialmente para a escritura das "Cartas do terceiro día", folletos escritos sobre tea, nos que as mulleres transmitían consellos ás súas fillas sobre o matrimonio. Estas cartas enviábanse ás noivas tres días despois da voda. Nelas recollíanse as ensinanzas básicas nun momento da vida moi duro para elas, xa que tiñan que deixar a súa aldea e comezar unha vida nova cun home descoñecido ao que nunca viran.

O Nü Shu era unha lingua poética, moi sutil, e os seus carácteres tiñan trazas máis elegantes, simpáticas e personalizadas que os do mandarín. A través de cancións ou bordado en pequenos textos en útiles femininos que máis tarde pasaban a diversas xeracións da mesma familia, esta lingua de mulleres converteuse pois no vehículo co que as xeracións máis antigas de mulleres chinesas transmitían os seus coñecementos da vida ás que estaban empezando a vivir. Hoxe consérvanse diarios e abanos con reflexións íntimas, consellos, correspondencia e mesmo descricións de bombardeos e guerras que tiveron lugar.

Algunhas das frases que conservamos en Nü Shu como "Os homes atrévense a saír de casa para enfrontarse ao mundo exterior, pero as mulleres non son menos valentes ao crear unha linguaxe que eles non poden entender" ou "Debemos establecer relacións de irmás dende a xuventude e comunicarnos a través da escritura secreta "fálannos dun momento no que a muller estaba marxinada dentro do seu mundo social, pero non por iso deixaba de manifestarse a través do seu propio código.



O Nü Shu hoxe

Aínda que en setembro de 2004 morreu á idade de 98 anos, Yang Hunai, a última muller chinesa que dominaba o Nü Shu á perfección, o goberno chinés, consciente da riqueza cultural que supuxo a aparición desta lingua, está a poñer todo o seu empeño en conservar e protexer todos aqueles documentos redactados en Nü Shu. Para iso "O Xardín de Nü Shu" en Jianyong puxo en marcha unha aula educativa así como unha serie de "cartas do terceiro día" que foron regaladas á institución por diversas mulleres. Dous mestres de Nü Shu tratan de ensinar a uns trinta ou corenta estudantes as interioridades desta lingua milenaria.

Ademais o vestiario, documentos e outros achados sobre a lingua chinesa de mulleres consérvanse no primeiro museo dedicado ao Nü Shu, construído grazas á fundación Ford e investimentos de Hong Kong.

O Nü Shu fálanos do progreso, valentía e recursos das mulleres chinesas. A súa aparición é un grande exemplo de superación ante as desigualdades, xa que non só serviu como canle de expresión a moitas mulleres que sufrían a discriminación máis absoluta, senón que as axudou a sobrepoñerse a uns tempos nos que lles ensinaran que comunicarse era só unha "cosa de homes".

No hay comentarios:

Publicar un comentario