De esquerda a dereita Beatriz, Ana e Encarna
No lugar de Castro Alfonsín (Santiago de Saa) na cidade de Lugo, atópase “A Casa de baixo” unha bonita casa que Ana Castro herdou da súa familia. Logo de que os seus antepasados a construísen hai máis de 200 anos, ela non quixo perder a oportunidade de poñela en marcha novamente, e logo dunha espectacular e custosa restauración hai xa cinco anos que “Casa de baixo” funciona como casa de turismo rural.
Daqueles anos da súa construción a casa conserva non só os cimentos físicos senón tamén os persoais, xa que Ana quixo manter a tradición da muller galega como traballadora, por iso desde que a casa abriu contou só con mulleres que a gobernan. Tanto é así que “Casa de Baixo” obtivo algunha que outra subvención por manterse fiel á idea de que “a muller é unha grande traballadora e para levar unha casa ninguén como ela xa que é un traballo que require gran organización”. Por outra banda, a propia dona confesa que está encantada coa súa “cuadrilla”, xa que “é fácil coordinar un grupo que ten ganas de traballar e que pon moito da súa parte porque saben o esforzo que supón sacar unha casa adiante. E diso a muller sabe moito porque foi ela, especialmente en Galicia, a que se encargou de que “a casa estivese sempre a punto”.
Cando vivían os seus avós Aurora e Jesús, que por certo era “menciñeiro” componedor de ósos, era Aurora, a súa avoa, a que se encargaban de alimentar ao gando, xa que esta casa nos seus bos tempos dedicábase á labranza e á gandería. Os tempos cambiaron bastante pero Ana é tamén agora a que se encarga de dar de comer aos seus animais; e os seus pais, Hermesinda e Antonio, os que traballan a horta man a man con admirables resultados. Porque como Ana comenta “para este tipo de tarefas o tempo non parece pasar demasiado e encántame que os hóspedes de “Casa de Baixo” saboreen os produtos da horta tal e como antes comían, e grazas a todo o traballo dos meus pais podémolo facer”.
A cociña conta co saber facer nos fogóns de Encarna que hai xa anos que se encarga de que na exquisita mesa de “A casa de Baixo” non falte nadiña de nada de sabor. Encarna é miúda, cos ollos grandes, gústalle a súa tarefa, dinos que aínda que ela non sexa “moi comedora” na cociña aprecia o traballo ben feito e recoñece que a pesar da dureza e a calor que se pasa traballando entre potas, a ela gústalle encargarse de dar de comer a todos aqueles que teñen a sorte de sentar á mesa na casa.
Beatriz é a camareira, a xulgar polo seu amplo sorriso cando nos recibe ninguén sospeitaría que se encarga de limpar os comedores, facer as habitacións e servirnos as estupendas sobremesas que se fan en “Casa de Baixo”, unha todoterreo. Ela sabe que hai moito traballo pero nada lle fai perder o seu bo humor mentres nos serve un estupendo entrecot á pementa.
“Foron moitos anos de esforzo”, dinos Ana, “e na casa houbo traballando moitas mulleres, non é un traballo fácil e por iso valoro moito os esforzos de todas as persoas que pasaron por aquí e axudáronme dun ou doutro xeito a poñela sempre en marcha”.
Paseando pola casa é fácil recoñecer que a figura da muller tense en alta estima, tanto é así que moitas estancias son unha homenaxe a aquelas que habitaron nela, como é o caso de “O cuarto da ama”, unha saliña de estar chea de libros e recordos ou “A habitación da tía Flora” situada no á dereita. A miúdo tamén se pode gozar na casa de exposicións de diversas artistas e moitas das pezas que decoran recordan ás tarefas das mulleres rurais.
“A casa de Baixo” é pois un recuncho de paz no medio do bosque que crece cada día grazas ao esforzo e ao traballo de tres mulleres galegas.
Cristina Corral Soilán
" O cuarto da tía Flora"
Detalle en "O cuarto da ama"
Un oficio en cada recuncho
Nú de muller
No hay comentarios:
Publicar un comentario