domingo, 4 de julio de 2010

ENTREVISTA A IRIA NOVO, BAIXISTA

“Música nas veas”

Entrevista a Iria Noa López Novo, baixista



O piano dun veciño de Iria tivo a culpa de que ela se "enganchase" á música cando tan só era unha nena, logo chegou a frauta traveseira no conservatorio e finalmente as mans de Melissa Auf der Maur acariñando o seu baixo fixéronlle pensar: "eu quero tocar así". Desde entón e de xeito completamente autodidacta Iria non deixou de tocar o baixo. Na actualidade ela confesa ter o corazón dividido entre as súas dúas bandas, Moondogs Blues Party, onde espreme o seu lado máis blueseiro e Meskalina para o que saca a rockeira que leva dentro. Logo de vela en éxtase sobre un escenario entendo que ela mesma parafrasee a Kurt Cobain nos seus Diarios: "Gústame o consolo de saber que as mulleres son o único futuro do Rock and Roll".

Desde cando tocas o baixo?

Desde hai uns cinco anos. En realidade eu tocaba a frauta traveseira nun grupo, un tempo despois cando empezaba co baixo marchouse o baixista e substituíno, digamos que xa non houbo elección, o destino empuxábame e eu feliz por iso. Con ese grupo non cheguei a debutar en directo, pero axudoume a irme atopando. Logo hai uns tres anos empecei en Meskalina e desde entón...

Por que ese instrumento e non outro?

Gústame o seu son e esa pulsación que o rodea todo cando tocas unha corda, é coma se flotase... Ademais atraíame o feito de non ser un instrumento solista porque coa frauta adoita ser ao contrario. Tocar o baixo éncheme, é o que me gusta facer, ás veces exprésome mellor con el que coas palabras.

Non che preocupou que fose un instrumento que adoitan tocar homes?

Para nada, iso é algo que non me preocupa. Poida que haxa instrumentos como a trompeta que sexan máis tocados por homes que por mulleres, pero iso non ten que ver con ser algo masculino, precisamente ese pensamento péchanos portas a nós, non imos limitarnos por unha crenza absurda... ademais cientificamente falando ambos os sexos temos a mesma percepción musical. O segredo do baixo non está só en manter o compás, trátase de facer o "tempo ", algo profundo e ancestral que nos conecta na mesma frecuencia. Levar o ritmo, canalizalo, envolver ao grupo e ao público. Debemos entendernos para que todo funcione dun xeito perfectamente fluído. Se fallamos todo se cae e para isto non importa se es o baixista ou a baixista.

Es baixista en dous grupos onde ata hai pouco eras a única muller, supuxo algún problema?

A verdade é que sempre me tratan con moito agarimo, tanto en Meskalina como en Moondogs Blues Party son unha máis, eu achego a miña forma de interpretar ao resto e xuntos/as creamos, levámonos moi ben e para min iso é importante, estar a gusto cos meus compañeiros para que a música flúa, para entendernos con miradas, case a nivel telepático.

Máis blueseira que rockeira ou viceversa?

Gústanme os dous, en realidade compleméntame que con Meskalina tiremos máis ao rock cañero e cargado de forza e con Moondogs ao blues, que é sensual e desgarrador, cargado de sentimentos. Non podo elixir un estilo por encima doutro, gústanme os dous demasiado... así non teño que escoller.

As túas cantantes /músicas/ baixistas favoritas...

Encántame Koko Taylor, Alberta Hunter, gústame moito Billie Holiday coa súa voz paseando sobre os compases, cálida, precisa e á vez desgarrada e triste. Ela e outras como Bessie Smith, Etta James ou Sarah Vaughan fixeron crecer o mundo da música e ademais deron voz a mulleres invisibles e prepararon o camiño para as que viñeron despois como Janis Joplin e toda esa xeración dos 60.

Fóra do jazz e do blues gústame por exemplo a baixista Melissa Auf der Maur, tamén L7, a guitarrista Ivy Rorschach (The Cramps), Joan Jett, Patti Smith, PJ Harvey... máis baixista como Michael "Flea" Balzary, o de Red Hot Chilli Peppers, Ron Carter ao contrabaixo, que puiden ver no Festival de Jazz de Lugo, impresionante... tamén me gusta Steve Emery o baixista de Lunáticos ou o do Ñaco Goñi, Fernando Torres ...

Cal cres que é a situación das mulleres na música actual?

Polo que eu vexo hai mulleres en grupos, pero está claro que tampouco é que sexamos maioría, adoita pasar, que coma noutras disciplinas esteamos un pouco escondidas á realidade, porque sempre houbo mulleres que deron todo e entregaron a súa vida tanto ou máis que a maioría da xente, loitando contra corrente e sacrificándonos para logo non recibir nada. Buscámonos a vida, ese é o panorama, o bo é sentirse satisfeita e non arrepentirse xamais das decisións tomadas, gozar cada momento.

Está Galicia preocupada polo tema musical das mozas?

Quizais máis que antes, pero non é nada doutro mundo.

Coñeces a algunha rockeira máis no teu círculo?

Si, por exemplo á teclista e baterista de Frances, á baterista e cantante de Lascivos, non persoalmente, aínda que o seu grupo me encanta, á baterista de Window Pane...

Nos concertos a xente acostúmase a ver a unha baixista no escenario?

En ocasións que imos por aí a tocar e son a única, poida que por iso ás veces tamén se me achegue a xente para dicirme o ben que toquei, pero en xeral creo que isto está superado e sinceramente é probable que sorprenda máis unha muller noutro contexto que no musical.

Teste atopado con algún enfrontamento por ser muller?

Xamais, ao contrario, sempre me tratan ben onde vou e si algunha vez tiven algún rozamento con alguén no terreo musical foi por outros temas.

O feito de que sexas unha muller achega algo ao estilo que tocades?

Como muller teño clarísimo como hai que tocar blues ou rock (aínda que logo me custe chegar a transmitir o que quero), porque mirando ao pasado e esa herdanza que legaron as pioneiras como Elizabeth Cotton, podemos ver que ninguén entendía mellor o estilo ca elas, levando o peso do mundo e cantando ou tocando cunha paixón inigualable.

É compatible o que fas musicalmente co teu traballo?

Pois o certo é que o meu mundo laboral xira tamén ao redor da música... dou clases particulares de música e digamos que vou sacando para os meus vicios?

Isto é un hobby ou veste dedicándote sempre á música?

A música é a miña vida e sempre o foi, ata cando non era consciente diso. É o meu mundo, aliméntame, libérame... gustaríame, se chego a vella, verme como Koko Taylor con oitenta anos, dándoo todo encima dun escenario...

Texto: Cristina Corral Soilán
Fotos: José Meis Meaño

No hay comentarios:

Publicar un comentario