domingo, 4 de julio de 2010

OLLOS DE GUERRA

Entrevista a Concha Carretero, membro da JSU e presa de Franco



Á memoria daquelas mulleres que loitaron
polos que hoxe vivimos en libertade.

Abrazar a Concha Carretero produce a mesma sensación que dar un salto no tempo. Son 83 anos e cada unha das súas palabras é un paso atrás na historia de España, esa que algúns cantos preferiron enterrar xunto ás vítimas da barbarie da Guerra Civil.
Concha é madrileña, valente e ten nos ollos unha forza tan poderosa que ata chega a asustar. O feito de estar afiliada á Mocidade Socialista Unificada (JSU) levoulle a presenciar e a vivir en primeira persoa moitas das torturas da ditadura franquista. Compartiu prisión coas "Trece Rosas", aquelas raparigas, algunhas menores de idade, que purgaron coa súa propia vida durante o Réxime franquista a morte do comandante Gabaldón a mans duns encapuchados vestidos de militar; coa súa execución no paredón, Franco creu "dar exemplo" e infrinxir un castigo exemplar ante o asasinato, e xa de paso asegurouse de acabar co intento de reunificar o partido na clandestinidade. Con todo, Concha tivo máis sorte, igual ca nós ao coñecela a ela, porque a súa presenza é a memoria viva de todo aquilo que xamais debeu ocorrer, como ela mesma afirma cos seus tristes ollos de guerra.

Dende que momento da súa vida ten vostede conciencia política?
Os anos previos á guerra eu traballaba como asistenta nalgunhas casas de Madrid, e aínda que era moi nova foi aí cando empecei a ser consciente da situación social de España, e das desigualdades que había entre ricos e pobres.

E de onde lle viña a vostede esta vea tan comprometida?
Ben, direiche que eu nacín en Barcelona por motivos políticos tamén. E é que ao meu pai, que era anarquista, asociábanlle co atentado que sufriu Alfonso XIII durante a súa voda, así que tivemos que fuxir e nesa fuxida a miña nai púxose de parto, así que no camiño nacín eu.

Así que na súa casa o compromiso político era algo de familia...
Si, recordo que o meu irmán Pepe fundara unha asociación cultural que chamabamos "Saúde e Cultura". Nela organizabamos actos sociais e culturais, como bailes, obras de teatro, rondallas... e en canto tiñamos oportunidade organizabamos de "camuflaje" mítines relampo. Alí preparabamos á xente con charlas políticas. De feito os meus dous irmáns, Pepe e Luís, tamén foron detidos posteriormente; Pepe estaba dirixindo as guerrillas de Ponferrada e Luís estaba no Socorro rojo axudando ás familias.

É nese intre cando decide afiliarse á JSU?
Antes militara nas MAOC (Milicias Antifascistas Obreras y Campesinas). Cando tiña 14 años e viña dun baile, o que posteriormente sería o meu mozo, acompañoume a casa, quedámonos conversando acerca de como estaban as cousas en España a nivel social e de cal era a maneira de solucionar o que estaba a acontecer. Ese día el contoume que pertencía ás MAOC, explicoume tamén de que xeito traballaban contra todo o que estaba ocorrendo e como acabar con esas inxustizas e desigualdades sociais. Pareceume boa idea e pregunteille se podería afiliarme e el díxome que si e así o fixen. Empecei vendendo o xornal e pegando pasquíns. Logo disto pasaría a ser Juventud Comunista (JC) que se unificarían coas Juventudes Socialistas formando a gran gloriosa JSU na que acabei militando.

Cal era o seu traballo dentro das JSU?
Pasei por varios postos. Estaba á fronte dun obradoiro de tecedeiras na rúa Santa Engracia esquina con Río Rosas xusto onde estaba o Convento das Pastoras, que foi incautado. Quedáronse catro monxas dentro, que nos axudaban e que ao final acabamos coidando. Alí facíanse camisas, chaquetas e pantalóns para a fronte. A min encargáronme a sección de xerseis. Aos meus 18 anos xuntei a 100 mulleres e fabricabamos ata 50 pezas ao día. O caso é que os talleres das distintas áreas de Madrid centralizáronse no Sindicato de la aguja e deixei ese labor.

E entón a que se adicou?
Pois cando sucedeu isto funme a ver ao secretario xeral do Sector Norte, Aquilino Calvo - pai de Marcelino "pan e viño" e posteriormente padriño da miña filla- e mandoume a dirixir os "Pioneiros de Madrid e a provincia", que eran nenos que reclutabamos coa idea de telos recollidos mentres que os seus pais loitaban na fronte. Nós dabámoslles clases de cultura xeral, con profesores, cultura física, con monitores...e así seguían adiante mentres os seus estaban na guerra.
No antigo Campo de Chamartín, o actual Santiago Bernabeu, organizamos con eles un desfile o 7 de Novembro do 38. Eran 1000 nenos que reclutamos, vestidos por Carmen Cerviño Patoriza, que por certo, era galega, Adela Sánchez Rupeli e eu, que dirixiamos os Pioneiros, de feito chamábannos "o trío pioneiril". Adela era secretaria xeral. Carmen era de "Organización" e eu de "Axitación e Propaganda". Recordo este desfile con moitísimo agarimo e moita ilusión porque estivemos traballando 15 días cosendo día e noite para o evento. As altas xerarquías aplaudían ao velos desfilar...aqueles nenos representaban aos homes do mañá.

Era entón asalariada do partido?
Ata aquel momento non, nunca pedira nin unha peseta, pero nese ano o meu irmán, que volveu da fronte, decidiu casar coa súa moza, así que fun ver ao secretario xeral Felipe Muñoz Arconada e díxenlle que quería traballar, el miroume asombrado e díxome: ¡¿Máis?¡, entón eu díxenlle que o que quería era traballar cobrando pola miña situación familiar. Así que me mandou á "Fábrica de material de guerra e de experiencias industriais" xunto coas miñas tres amigas. Alí, na fábrica, tamén estaba Aurora Bautista, a que hoxe é artista e ela e eu eramos as dúas estajanovistas, as que máis produciamos. Desde ese momento empezabamos a gañar e a vivir, ata que chega o ano 39 onde todo empezou. O 5 de marzo do 39 o meu irmán saíu de casa para ir á Brigada porque era comisario político e ao entrar é detido. Ese foi o último día que a miña nai, a miña cuñada, o meu irmán Luís e eu estivemos xuntos.

Lembra o día que a detiveron a vostede?
Detivéronnos durante a Sublevación de Casado, cando iamos coller os ficheiros das Juventudes ao Comité Provincial, que estaba na rúa Núñez de Balboa. Chegamos alí e collemos as fichas para buscar un sitio onde queimalas pero á saída xa nos colleron e leváronnos á rúa Serrano 9, de alí aos Salesianos de Atocha e de alí ao cárcere de Ventas. A noite antes de entrar Franco soltáronnos e estivemos un tempo paradas, pero pronto empezamos a intentar reorganizar as Juventudes. Nese tempo durante unha reunión clandestina colléronnos de novo na Plaza del Angel e leváronnos xa á Carrera de San Jerónimo. Alí comezaron as torturas...

Como lembra todo aquilo?
Foi horrible, a min pegáronme moito e cando non me pegaban mandábanme limpar o sangue dos meus compañeiros que tiñan a cabeza partida, e aquel sangue... non saía. Carmen Cerviño, unha das miñas amigas, contoume que eu mesma pasei 24 horas inconsciente sobre unha mesa de mármore de todo o que me pegaran. Ao meu irmán, Pepe, o maior, tivéronlle colgado nas dependencias de Alcalá de Henares, atado e cun pau no recto. Humillacións e vexacións indescriptibles que eu nunca cheguei a contarlle á miña nai para que non sufrise, aínda que ela recolleu as miñas roupas ensangrentadas que conservou moitos anos porque ela dicía que aquelas, nalgúns anos, serían a proba de tanta barbarie. Un día pedinlle que as tirase porque era velas e poñerme doente recordando todo o vivido.

Cal foi o momento máis duro naqueles días?
Un día que me encerraron nos calabozos espida, facía exercicio para non pasar frío...¿tes frío? ?dixéronme-, eu respondía que un pouco entón gritáronme: "Pois non che preocupes que agora cho quitamos". Metéronme sen roupa nun coche e eu vin que pasabamos a rúa Manuel Becerra, Ventas para arriba e dirección ao actual cemiterio da Almudena, temíame o peor. Baixáronme diante das tapias, onde se executaba aos condenados e dixéronme sinalando cunha luz os buracos das balas: " ¿Sabes que é isto?... os buracos das balas que mataron aos teus camaradas? e ¿sabes que? Que as seguintes serán as túas?." Aínda así eu negueime a traizoar aos meus camaradas, naquel momento só pensaba na miña nai e no desgusto que se levaría, afortunadamente só foron ameazas e volvéronme a levar a prisión.

A súa sentenza chegoulle tendo á súa filla en brazos, como foi iso?
Esta é unha historia moi bonita pero moi dura, a min léronme os cargos nos Juzgados de Masonería y Comunismo na rúa do Prado 6, léronme pena de morte, era a principios do ano 44 e a miña filla Diana xa nacera, concretamente o 10 de marzo do ano 43. Eu ía cada 8 días a presentarme ao Cuartel da Garda Civil do Hipódromo porque estaba nunha especie de arresto, cada vez que nos presentabamos pegábannos, nunha ocasión rompéronme unha cella, aínda que eu prefería que me pegasen porque o comandante Pascual era un sádico, eu vin alí cousas que non vira nunca, barbaridades que facían sufrir moito. O caso é que o 6 de Marzo do 44, presentámonos ante o xuíz para que nos lese a resolución final da nosa condena, estabamos todos no banquiño, a miña filla estaba empezando a falar e a andar e balbuceando as súas primeiras palabras e ía dando bicos a todos os que estabamos sentados no banquiño... a xente non facía máis que dicir: " ¡Que lastima de nena!..." e ese día o fiscal leunos a todos pena de morte. Eu abraceime á miña nena, porque aqueles eran os minutos previos a entrar en prisión e cría que non volvería vela, o caso é que estabamos nun cuartiño, o meu irmán de pé na porta con comida para que eu levase á prisión e para recoller á miña nena, e entrou o conserxe e dixo:
" ¡Concha Carretero!..." pero mira ata que punto chegaba a súa maldade que no canto de dicir " ¡Concha Carretero: absolta!", esperaron tempo, eses minutos foron interminables, os máis longos da miña vida, porque o separarme da miña filla para sempre me doía máis que todas as malleiras que me propinaran. No momento en que oín a palabra "absolta", fallábanme as pernas e os brazos... nese momento pregunteille: " ¿E os demais compañeiros meus?", porque che digo sinceiramente que de corazón se a min dinme que eles seguen con pena de morte eu non acepto a miña absolución... o caso é que me leu as condenas de cárcere para os meus compañeiros e entón si fiquei máis tranquila.

Por que cre que a indultaron?
Non sei, eu creo que foi o impacto que causou no xuíz a tenrura da miña filla, bicándonos a todos durante a lectura das condenas mentres a xente lamentábase porque eu fora a morrer deixando unha nena tan pequena, creo que iso fixo influiu nel.

E como se segue a vida logo disto?
Non foi fácil, a miña nai pedía esmola porque os seus tres fillos estaban no cárcere e botárona da casa onde vivía porque a xente entón tiña moito medo, porque se che ían buscar e non che atopaban levaban a todo o que se lles poñía por diante.
O caso é que ao saír tiven que loitar pola miña nai, a miña filla e os meus dous irmáns, pero Luís, o pequeno, cando saíu do cárcere tiña tuberculosis, morreu moi novo e Pepe morreu no ano 80, tiña o fígado doente polas malleiras que lle deran no cárcere.

Acabou o seu sofremento co indulto?
A verdade é que non, neste sentido nin a miña familia nin eu puidemos descansar ata que Franco morreu, porque logo de todo aquilo, cada pouco entraban en casa e rexistraban todo, levantaban colchóns e desbarataban todo canto tiñamos, é máis, nos últimos tempos detiveron a Jaime, un dos meus fillos, con propaganda. Tal vez por este motivo hai moitas cousas destes tempos que non contei a ninguén, é máis sobre moitas das cousas que agora conto, os meus fillos sorpréndense e dinme: ¡Pero mamá isto non o sabiamos!, e é que en certo sentido trataba de protexelos co meu silencio e afastarlles de todo o sufrimento que eu estaba pasando, porque como sempre estabamos no punto de mira, non quería que por coñecer moitas cousas eles corresen perigo. Agora todo isto páganmo con fartura porque non me falta de nada con eles, cóidanme e están pendentes de min sempre. Quérenme moito.

Merece a pena entón lembrar tanto sofremento?
Diso trátase, eu conto todo isto agora para que nada do sucedido poida esquecerse, para que a xente se prepare e saiba que hai moito polo que loitar e sobre todo para que algo así non volva suceder e ninguén teña que pasar polo que nós pasamos.
Eu maldigo a guerra, pero non só esta, maldigo todas as guerra, cando acendo a tele e vexo todas as que están tendo lugar no mundo teño que apagala porque non podo velo... e cando vexo imaxes de Franco choro, choro de raiba...

Queda entón rancor?
Ningún, o pasado, pasado está, non hai que gardar rancor.

Cre vostede que temos perdido tempo de contar todas estas cousas que aconteceron?
A verdade é que sempre houbo moito medo porque pola rúa seguíannos e se che atopabas a un compañeiro e sabías que alguén che seguía, xa lle facías unha sinal co ollo ou algún xesto para que pasasen de longo sen ser descuberto. Iso si, desde que comezou a transición ata hoxe perdemos a moitas persoas que tiñan múltiples cousas que contar e que se foron sen que ninguén lles escoitase. Agora xa quedamos poucos e cos anos algúns fomos perdendo memoria e outros lucidez.

Como ve ás mulleres de hoxe en día?
Tedes moita sorte, quédanvos moitas cousas que conseguir e tedes a sorte de ter outra vida, máis liberdade. Eu fun nai solteira e funme a vivir co meu noivo sen estar casada, agora iso é algo corrente porque hai máis liberdade. Tamén é certo que agora se vive con máis comodidade e iso fai que non se teña a necesidade de facer fronte común por outras causas, pero vivides un momento moi bo e deberiades aproveitalo para loitar por conseguir cousas.

Que nos queda por acadar?
Moito, queda por conseguir ese mundo mellor polo que temos sufrido e loitado tanto, queda por conseguir a paz do mundo enteiro, que non haxa guerras, nin fame e que todos os traballadores sexan iguais, que non haxa diferenza de clases...

É vostede unha comunista dos pés á cabeza ¿a Nueva Guardia ata o final?
Dos pés á cabeza, se me deixan, morrerei cantando a Nueva Guardia (Concha tararea o Himno das JSU): "Somos la nueva guardia que va forjando el porvenir..."
Eu non morrerei sentada nun sofá, Morrerei de pé, coas botas postas e o puño levantado para que os vindeiros o recollan.

Cristina Corral Soilán



1 comentario: