(Benvid@s a "O Barullo")
Curvas e curvas por unha sinuosa estrada que roza os abismos do espectacular, preceden a chegada a Aldea de Coro. Podiamos dicir que é unha aldea que se fixo a si mesma, sobre todo se temos en conta que aquí na Casa de Xacobo, naceu Manolo Uría, que é un dos culpables de que Aldea de Coro empezara como o Ave Fénix a rexurdir das súas cinzas. Hai xa uns anos que se lle meteu na cabeza que a súa aldea non sería unha desas aldeas galegas nas que a xente se vai indo e as casas cáense. Así que Manolo, que xa viviu en Barcelona e agora en Ponferrada, embarcou a medio pobo e a toda a súa familia neste labor. Cada fin de semana, afánase en reconstruír este grupiño de casas na que en todo o ano viven tan só nove persoas, pero na que no verán se monta unha das parrandas máis espectaculares que vive a montaña lucense.
Manolo que é un gran conversador, paciente e sosegado ten xunto a el á súa muller, Mª Jesús, que é a súa man dereita nesta ardua tarefa de reconstrución. Ela, que naceu en Córdoba e que é restauradora, ela, que ten acento andaluz con mestura de ponferradino, pero que entende perfectamente o galego, ela é a raíña das Barulleiras de Aldea de Coro, como ela e elas mesmas se autodenominan.
Unha tarde ocorréuselle que xunto con outras mulleres do pobo podían poñer en marcha "O Barullo" unha pequena cantina no medio da aldea. Alí empezouse servindo unhas cantas cervexas que cada unha das mulleres trouxo da súa casa e nun par de noites pasouse das cervexas ao cubata...
Os mozos de Navia e de alrededores empezaron a frecuentar o bar de cando en vez, así grazas a Elia de Morodo, Isolina de Caboza, Maribel de Manuel Álvarez e María Jesús de Xacobo, as Barulleiras, o "Bar Coyote" ao seu lado quédase pequeno. E é que en Coro, o lugar onde se asenta "O Barullo", respírase o olor a muller emprendedora.
Dependendo da época do ano, as barulleiras serven na súa cantina comidas por encargo, fan magostos ou cociñan a caza que moitos cazadores lévanlles logo de terse pasado o día na montaña, e todo iso nunha paraxe de inmellorables vistas na que os soutos de castiñeiros menéanse amorosos sobre os paseantes taciturnos...
En fin, que dito o dito, xa non hai desculpa: Estrada de Navia a Rao, curvas á dereita, curvas á esquerda, un pouco de Kepa Junkera no CD, unha árbore oca na que morres por sacarche unha foto e en menos dun quilómetro verás un pequeno cartel pintado, que sen que o saibas ofréceche o inesperado, o encanto, a festa, a forza, Galicia, a calor da xente: Benvidos a Aldea de Coro, xa non quereredes irvos de alí. Asegúrovolo.
Cristina Corral Solián
No hay comentarios:
Publicar un comentario